Thursday 02 de May de 2024

Dezanove disciplinas forman as escolas deportivas da Pobra no curso 2023-2024


A actividade deportiva non se deterá na Pobra do Caramiñal trala época estival. Na senda de promove-la actividade física, o curso 2023-2024 contará cun total de dezanove disciplinas ó abeiro das escolas deportivas que se reactivan en outubro.

“Despois da intensa actividade do verán queremos seguir fomentando o exercicio e que os vindeiros meses non supoñan unha parada na práctica deportiva da veciñanza. Por iso, as competicións habituais veranse complementadas, igual ca en anteriores anos, coas escolas deportivas municipais. Deseñamos, polo tanto, coa inestimable colaboración dos clubs, unha programación ampla e diversa para tódolos públicos e que, así, maiores e crianzas desfruten do deporte durante todo o ano”, declarou o concelleiro dos Deportes, Eloy Sobrido, xunto co monitor deportivo do Concello, Rubén López.

A área municipal dos Deportes xestiona directamente a educación física base-predeporte e o fútbol sala mixto para a rapazada. Coa participación de irmas e irmáns administraráselle un desconto do 50% ó/á segundo/a e será de balde para o/a terceiro/a.

En canto a propostas destinadas ás persoas adultas, ofrécese ximnasia de mantemento, pilates, camiñadas + estiramentos, camiñadas para maiores e ximnasia para maiores. Para este tramo de idade tamén se aplicará unha dedución: anotándose en pilates e outra actividade, o prezo bimensual será de 30 euros e, a terceira, gratuíta.

A rapazada gozará tamén doutras modalidades grazas á implicación das entidades deportivas locais: artes marciais, atletismo, baloncesto, fútbol, patinaxe artística, remo, tenis, tenis de mesa, xadrez, xogos de mesa, tiro co arco e voleibol.

O prazo de preinscrición abre ás 10.00 horas do día 20 de setembro. O formulario cuberto deberase entregar na oficina dos Deportes, situada na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler. O pagamento efectuarase unha vez confirmada a matrícula.